Código do proxecto: Conecta Peme IN852A 2016/116
Ano de inicio: 2016
Investigador Principal: Gonzalo Flores Calvete
Outros investigadores: César Resch Zafra, Thierry Dagnac, Mª José Bande Castro, Adrián Botana Fernández. Entidade solicitante: GALLANOVA NORTE S.L., Entidades colaboradoras: Tragsa, Inova, UDC.
Departamento:
Área:
Actividade 3 "SOUTOFEED" desenvolvida no CIAM
A realización desta Actividade do proxecto ten como obxectivo a “Avaliación do efecto da utilización de compostos bioloxicamente activos (aceites esenciais) procedentes do castiñeiro (Castanea sativa Mill.) en dietas do gando vacún para a produción dun leite diferenciado polo seu carácter funcional, en sistemas de reducido impacto ambiental e integrados nunha economía baixa en carbono".
RESUMO DA ACTUACIÓN
A colaboración do INGACAL na execución do proxecto centrase na planificación, desenvolvemento e execución na finca experimental e laboratorios do CIAM dos seguintes experimentos segundo o descrito na memoria do proxecto aprobado, incluíndo a parte proporcional de analíticas de laboratorio alí reflectidas, a análise estatística de resultados e a correspondente redacción de informes e entregábeis anuais.
Acción preparatoria.- Revisión bibliográfica sobre o efecto do tipo e a dose de AE sobre a fermentación ruminal, a produtividade e a calidade do leite de vaca. Obtención de extractos de AE de follas e flores e castiñeiro, en estado fresco por arrastre de vapor. Posta a punto da metodoloxía de medida da produción in vitro de metano con elección do método máis apropiado. Caracterización química dos principais compoñentes dos AE extraídos.
Acción 1.- Estudo do efecto da adición de aceites esenciais extraídos das follas e das flores do castiñeiro, en doses diferentes, sobre mostras procedentes de dietas unifeed con diferente proporción de ensilados de leguminosas forraxeiras e de concentrados sobre a produción de metano e amoniaco in vitro.
Acción 2.- Efecto da adición dunha dose variábel de aceites esenciais extraídos do castiñeiro (en función dos resultados da Acción 1) sobre a dixestibilidade in vivo e o balance de nitróxeno de dietas unifeed con diferente proporción de ensilado de leguminosas forraxeiras e de concentrado utilizadas na alimentación do gando vacún leiteiro.
Acción 3.- Efecto da utilización de aceites esenciais extraídos do castiñeiro sobre a inxestión voluntaria de materia seca, a produción, a composición fisicoquímica e a presenza de compostos funcionais no leite de vacas alimentadas con dietas de ensilado de leguminosas e diferente proporción de concentrado.