fondo
Logo Conseller�a
Logo Ingacal
CIAM
Instalaciones CIAM
actividades > Prensa
Resultado positivo do primeiro ensaio de cultivo de forraxes en ecolóxico na Limia

Data: 26/10/2018

Fonte: Revista dixital Campo Galego.
G. Flores, J. Valladares, S. Pereira e J. Piñeiro 
 
Sat Torneiros, unha gandería de vacún de leite en ecolóxico de Allariz, logra autoabastecerse de forraxes en ecolóxico (millo, sorgo e pasto de Sudán), grazas ao apoio técnico do persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)
 
O aproveitamento da terra para a produción de forraxes de alta calidade na propia explotación é un elemento chave na economía das explotacións leiteiras, toda vez que con prácticas de manexo adecuadas, as forraxes producidas nas explotacións constitúen a fonte de alimentos máis barata para a produción de leite. A produción propia aínda ten máis importancia nas granxas de produción ecolóxica, polo alto custo dos insumos alimentarios utilizados neste tipo de produción.
 
Por outra parte, é de interese avaliar o cultivo de forraxes en sistemas de produción ecolóxica, sobre todo en zonas de produción intensiva, como é o caso dos regadíos da zona da Limia.
 
O obxectivo do campo de demostración foi avaliar o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeiras de verán (millo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo x pasto do Sudán) en condicións de regadío no interior de Galicia, constituíndo a primeira dunha serie de accións destinadas a implantar alternativas forraxeiras ecolóxicas para a produción de leite nesta zona.
 
A colaboración e a realización de demostracións nas terras da explotación leiteira “SAT Torneiros” situada en Allariz, forman parte do conxunto de accións de desenvolvemento e transferencia que se veñen realizando dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) nos últimos anos en varias explotación galegas. Estas accións se desenvolven no marco do Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego da consellaría do Medio Rural, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) incluídas no PDR de Galicia 2014-2020.
 
Descrición do campo de demostración:
Localización.- A finca está situada na Lagoa de Antela, na parroquia de Casnaloba (concello de Xunqueira de Ambía), ocupa unha extensión de 8 has das cales dedicáronse para o ensaio 2 has. É chaira e permite a rega, anteriormente estivo a pradeira que foi alzada con labor de vertedeira no mes de maio.
Fertilización.- Para a fertilización achegouse xurro da propia explotación a dose de 48 m3/ha, o que supuxo unha achega de 168 UF N/ha, segundo as indicacións do CRAEGA, por baixo das 170 UF N/ha admitidas. Ademais, achegáronse 68-208 de UF P2O5 e K2O respectivamente. A finais de maio aplicouse Nematmyel, un produto ecolóxico con xofre e ferro para combater posibles vermes do chan.
 
Cultivos:
No ensaio empregáronse os seguintes cultivos:
a) Tres variedades de millo (MAS 37 H, de Maisadour; P9241 de Pioneer, e Amurrio, de Semillas Clemente, con ciclos FAO 300, 200 e 280, respectivamente) sementados a densidade de 100,000 plantas/ha.
b) Unha variedade híbrida de sorgo x pasto do Sudán (Advance Gracer, de Rocalba), a dose de 50 kg/ha (190,000 sementes/ha).
c) Unha variedade de pasto do (Barsudán, de Semillas Clemente), a dose de 30 kg/ha (210,000 sementes/ha).
Cada variedade ocupou 0,4 has nunha única parcela. O resto da finca (5 ha) sementouse con millo da variedade MAS 37 H.
 
Sementeira:
Foi realizada a mediados de xuño con sementadora pneumática monogran para o millo en liñas separadas 75 cm e con sementadora mecánica en liñas separadas 12 cm para as sementes de híbrido de sorgo x pasto do Sudán e pasto do Sudán.
 
Coidados culturais.- Para o control de malas herbas no cultivo do millo realizouse un pase de grade de púas de 5 liñas con unha separación entre púas de 2,5 cm, empregando a máquina modelo Vertikator. Este primeiro gradado fíxose o 6 de xullo, cando a planta presentaba un estado de 4-5 follas. Foi algo tarde pero a choiva non permitiu facelo antes. Posteriormente, o 17 de xullo, co millo con 6-7 follas, realizouse un pase entre liñas con escardadoras “cola de anduriña” e aporcado das liñas, utilizando unha máquina modelo Guerra. Polo que respecta aos cultivos do híbrido de sorgo e pasto do Sudán e do pasto do Sudán, non se realizou ningunha labor mecánica de escarda pois as doses de sementes empregadas e a escasa separación entre liñas considerouse suficiente para un axeitado control da vexetación adventicia.
A montaxe e activación da rega por goteo foi realizada a partir da finalización do primeiro gradado do terreo, desde o final da primeira semana de xullo até comezos de outubro, seguindo unha instalación estándar con separación de 150 cm entre liñas de goteiros.
 
Momento da colleita.- Unha parte do cultivo do pasto de Sudán foi aproveitada en dous cortes, dada a capacidade de rebrote desta planta, a fin de comparar os resultados da estratexia de dous cortes coa dun único aproveitamento. O primeiro corte do pasto de Sudán se fixo, tras retirar as mangueiras portagoteiros, cando a planta alcanzou o metro de altura a finais de xullo, efectuando-se un presecado de 24 h seguido do rotoempacado e encintado con film plástico. Unha vez finalizado volvéronse estender as mangueira de rega.
Os cultivos de millo, do híbrido de sorgo x pasto de Sudán, o rebrote (2º corte) do pasto de Sudán e o resto da superficie desta especie aproveitada en corte único foron colleitados o día 9 de outubro.
 
Estado do cultivo na colleita.- As variedades de millo presentaban unha liña de leite entre 1/3 e 1/2 do seu percorrido, a inflorescencia do híbrido de sorgo x pasto do Sudán mostraba o grao pastoso e a de pasto de Sudán de primeiro corte presentaba gran vítreo. As plantas de segundo corte do pasto de Sudán estaban en estado de enchido do gran, en estado leitoso-pastoso.
 
Control da produción.- En tódolos casos foi medida a produción por hectárea mediante a pesaxe de toda a forraxe extraída das parcelas. Se tomaron mostras representativas para as determinacións de materia seca e análises de valor nutricional no laboratorio.
 
Incidencias no cultivo.- A variedade de millo Amurrio foi atacada polo porco bravo, que mostrou unha especial apetencia por esta variedade e reduciu o rendemento nun valor estimado do 30-35%, razón pola cal non se ten en conta nesta análise.
Por outra banda, cómpre facer notar que o híbrido Sorgo x Pasto do Sudán foi afectado polas treboadas de mediados de verán, provocando o envorcado de parte das plantas, que non impediu a sua recollida, pero que minguou a produción deste cultivo.
 
Resultados:
Na táboa 1 móstranse os resultados de rendemento e valor nutricional dos diferentes cultivos, comparando os valores medios obtidos coas variedades de millo P9241 e MAS37H, coa de pasto de Sudán (Barsudán) e coa do híbrido de sorgo x pasto do Sudán (Advance Grazer). Na taboa 2 móstranse os valores produtivos e nutricionais do pasto de Sudán colleitado en dous cortes e os valores agregados para este aproveitamento.
Táboa 1.- Rendemento e valor nutricional dos tres cultivos de verán aproveitados nun único corte a comezos de outubro:
 
taboa1

 

Táboa 2.- Rendemento e valor nutricional do pasto do Sudán colleitado en dous cortes:
taboa1
taboa1

 

 Resumo: datos a ter en conta

-1)Rendementos: 16 toneladas de materia seca por ha no millo

O rendemento medio do millo acadou case 16 t MS/ha, mentres que o do pasto do Sudán e o do híbrido de sorgo x pasto do Sudán foi moi semellante, estando no entorno das 12 t MS/ha. Novamente nesta avaliación o millo mostra a súa superioridade produtiva con respecto a cultivos de verán alternativos, obtendo-se aproximadamente un 30% máis de MS/ha para o millo comparado coas outras dúas especies.
 
En avaliacións de produción de distintas variedades de millo cultivados en sistemas convencionais en condicións de regadío realizadas polo CIAM son habituais rendementos de 18-20 t MS/ha para o millo, polo que cabe cualificar como moi satisfactorio o rendemento obtido no campo de cultivo ecolóxico para esta especie, dada a limitación de inputs (en particular fertilizante) neste sistema.
 
Igualmente, a produción acadada polo pasto do Sudán e o híbrido de sorgo x pasto do Sudán aproxímase aos valores observados nestas especies en sequeiros húmidos, que se sitúan arredor das 12-14 t MS/ha.
 
No pasto de Sudán e no híbrido de sorgo x pasto do Sudán o rendemento foi dunhas 12 ton de MS/ha
 
2.- Calidade nutricional: Un 27,8% de amidón no caso do millo
 
A calidade nutricional media do millo foi moi superior á do pasto de Sudán, mostrando o híbrido de sorgo x pasto de Sudán un comportamento intermedio entre ambos.
 
O contido en fibra (FAD, FND) do millo foi claramente inferior aos das outras dúas especies, mentres que o de amidón (27.8 %MS) practicamente multiplicou por tres aos valores do pasto de Sudán e do híbrido de sorgo x pasto de Sudán (8.0 e 11.0 %MS), respectivamente). Todos os cultivos tiveron baixos valores de proteína, se ben o do millo (PB 6.6 %MS) foi novamente superior aos outros cultivos.
 
3.- Dixestibilidade: O pasto de Sudán presenta a menor dixestibilidade
 
Como consecuencia do alto contido en fibra, a dixestibilidade do pasto de Sudán foi moi baixa (DMO 49.4%), inferior á do híbrido de sorgo x pasto do Sudán (DMO 59.9%) e sobre todo á do millo (DMO 69.1%), claramente superior á dos outros cultivos.
 
Consecuentemente, o valor enerxético do pasto de Sudán foi moi pobre (menos de 0.60 UFL/kg MS) seguido do híbrido de sorgo x pasto de Sudán (0.73 UFL/kg MS), ambos contundentemente superados polo millo (0.90 UFL/kg MS).
 
4.- UFL por cada cultivo: Desta forma, a extracción de enerxía/ha do millo (14.1 mil UFL/ha) practicamente duplicou á do pasto de Sudán (7.1 mil UFL/ha) e foi un 60% superior ao do híbrido de sorgo x pasto do Sudán (8.8 mil UFL/ha). Para avaliar a magnitude das diferenzas, abonda lembrar que unha unidade de UFL/kg MS se corresponde á enerxía que para a produción de leite proporciona un kg de cebada estándar.
 
6.- Produción de proteína: Debido ao moi baixo valor de proteína do pasto de Sudán en corte único, a produción de proteína do millo (1029 kg PB/ha) duplicou á do pasto de Sudán (492 kg PB/ha) e foi un 50% superior ao do híbrido de sorgo x pasto de Sudán (675 kg PB/ha).
 
7.- O pasto de Sudán aproveitado en dous cortes aumenta a extracción de proteína por hectárea, pero reduce a de materia seca e de enerxía: O aproveitamento do pasto de Sudán en dous cortes fronte a un único corte reduciu o rendemento pero mellorou a calidade da forraxe. A produción agregada dos dous cortes é un 50% inferior para o rendemento en MS e un 36% inferior para a enerxía neta pero aumenta un 35% a produción de proteína/ha, debido ao moi baixo valor proteico do pasto do Sudán colleitado en corte único.

 

 Conclusión e seguintes actividades:

A produción de forraxes en regadío ten custos elevados, polo que cómpre utilizar especies de alta produtividade e elevado valor nutricional.
 
Neste sentido, parece claro que o millo é a especie adecuada para conseguir ambos obxectivos. Sen embargo, para manter a produtividade do cultivo, cómpre establecer rotacións que diminúan a presenza de malas herbas no terreo e manteñan un adecuado nivel de saúde do solo.
 
Con este propósito, na superficie ocupada polos cultivos de verán sementouse a mediados deste mes de outubro unha mestura de trevos anuais con raigrás híbrido para ser colleitada nun único aproveitamento a finais de abril, con tempo suficiente para a sementeira do millo.
 
Coa implantación do cultivo de inverno preténdese incrementar a produtividade da rotación, mellorar o manexo ambiental dos fertilizantes e do solo e facilitar as condicións do seguinte cultivo de verán.
 

 
Marcos Quintas é un dos titulares de SAT Torneiros, unha gandería de vacún de leite en ecolóxico en Allariz, que comercializa o seu propio leite baixo a marca “Ecoleia”.
 
Situada nunha zona de montaña, a 800 metros de altitude, e cunhas 60 vacas en muxido é unha das poucas explotacións de vacún de leite que quedan na provincia de Ourense. Contan cunha superficie dunhas 100 hectáreas, gran parte monte comunal convertido en pasteiros, no que as vacas pacen durante a primavera e o outono, e 27 hectáreas de regadío na Limia, e que dedicaban dende hai 18 anos a pradeira para o ensilado da herba.
 
Sen embargo, e tal e como explica Marcos, “os rendementos que sacamos de herba son moi baixos, como moito un corte e outro de limpeza nos anos bos, porque durante o inverno o terreo asolágase, co que morren as leguminosas, e ata o mes de maio non podes entrar co tractor para cortar a herba. E no verán as temperaturas son moi elevadas, co que boa parte das pradeiras secan completamente”.
 
O pasado ano a seca obrigounos a mercar boa parte das forraxes e comprometeu a viabilidade da gandería
 
Esta situación agrávase nun ano especialmente seco como o ano pasado, no que houbo moito menos pasto e herba. “Tivemos que mercar alfalfa e mesmo palla para darlle de comer ás vacas, e iso comprometeu a nosa viabilidade económica”, recoñece este gandeiro.
 
A solución veu da última reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrada o ano pasado en Allariz e na que Marcos entrou en contacto cos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
 
“Falei con Gonzalo Flores, con Juan Valladares e con Juan Piñeiro e decidimos facer os campos de ensaio, con millo forraxeiro, pasto de Sudán, un híbrido de sorgo e pasto de Sudán e altramuz. Para min foi algo totalmente novidoso, porque en ecolóxico nunca sementáramos outra forraxe que non fora a herba”, explica Marcos Quintas.
 
Os resultados valóraos como moi positivos, especialmente no millo forraxeiro e no híbrido de sorgo e de pasto de Sudán. “Na finca na que sementamos o millo o ano pasado trouxemos para as vacas 80.000 quilos de forraxe, e este ano trouxemos 330.000 quilos, cunha media de 50 toneladas por hectárea de materia húmida, e cunhas calidades nutricionais moito mellores”, salienta.
 
“Foi un gran paso para nós. A partir de agora podemos ser autosuficientes en forraxes”
 
O cultivo realizouse totalmente en ecolóxico, sen necesidade de uso de herbicidas, e no caso do pasto de Sudán e do híbrido sen sequera pasar o cultivador. Tamén valora especialmente o sistema de regadío por goteo, equipado con programador automático, e que permitiu aumentar notablemente produción e calidades.
 
Desta forma, e grazas a este ensaio, Marcos valora que “temos uns coñecementos para sacarlle partido a estas 27 hectáreas que temos en regadío para ser autosuficientes en forraxes, incluso en anos malos”.
 
“Plantéome empezar a sementar todos anos unhas 5 ha de millo e outras 3 do híbrido de sorgo e de pasto de Sudán, rotando estes cultivos coas pradeiras permanentes. E se en maio vexo que o ano ven malo  para a colleita de herba e para o pasto, aumentar esa superficie. Foi un gran paso para nós”, conclúe
 
 
 
 
 

NOVIDADES DO CIAM

foto
26/10/2018
Resultado positivo do primeiro ensaio de cultivo de forraxes en ecolóxico na Limia
foto
22/10/2018
Incremento da rendibilidade das explotacións leiteiras mediante a mellora xenética
foto
19/09/2018
Xornada técnica: As posibilidades da rega no millo
foto
27/04/2018
Iniciativas de investigación colaborativa para a produción de leite e carne de vacún en Galicia
foto
28/02/2018
Xornada: A produción de carne de vacún. Unha oportunidade para emprender na biosfera
foto
24/01/2018
Efecto da rega sobre o rendemento de cultivos forraxeiros de verán na Galicia interior

 

fondo

EMPRESA

PROXECTOS

ACTIVIDADES

PUBLICACIÓNS

APLICACIÓNS RAX

SOCIAL

Copyright 2013 - CIAM - Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo - Todos os dereitos reservados