Data: 27/04/2018
FONTE DA NOVA: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/30108/angeles-vazquez-destaca-labor-investigador-formativo-dos-centros-medio-rural
- A conselleira salientou a importancia da transferencia tecnolóxica que se fai desde centros como o CIAM de Mabegondo, que no 2017 executou 35 proxectos e convenios de colaboración, moitos de ámbito nacional e mesmo europeo
- Na inauguración da IV reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, a titular de Medio Rural puxo en valor o papel do gando no control da vexetación e a prevención dos incendios
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que depende da Consellería do Medio Rural, tivo en execución ata 35 proxectos e convenios de colaboración ao longo do 2017. Case a metade deles (14 en total) foron de ámbito nacional e outros cinco de nivel europeo. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na inauguración da IV reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que tivo lugar na propia sede do CIAM, no concello coruñés de Abegondo.
A titular de Medio Rural repasou a traxectoria deste centro de investigación, que proximamente se vai integrar na recentemente creada Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Esta axencia será a encargada da promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como da potenciación da calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.
Neste contexto, Ángeles Vázquez destacou o labor investigador e de transferencia tecnolóxica que leva a cabo o CIAM, lembrando que o ano pasado desde este centro se xeraron 243 actividades de transferencia, entre publicacións, cursos, xornadas, campos de ensaio ou conferencias. Isto, dixo a conselleira, demostra o seu compromiso coa divulgación ao sector de todo o coñecemento que se xera froito da investigación e a innovación realizada.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX