Código do proxecto: AC2018-02
Ano de inicio: 2018
Investigador Principal: Carmen Calvo Santalla
Outros investigadores: José Antonio Castro Hermida, Mercedes Mezo Menéndez, Marta González Warleta, Manuel López Luaces. Cooperante: ADSG ACIVO
Departamento:
Área:

ACCIÓNS DE COOPERACIÓN PARA A IMPLANTACIÓN DE PROXECTOS PILOTO, DESENVOLVEMENTO DE NOVOS PRODUTOS, PRÁCTICAS, PROCESOS E TECNOLOXÍAS NOS SECTORES AGROALIMENTARIO, AGRÍCOLA E FORESTAL
Unha das patoloxías máis importantes nas explotacións de gando ovino e caprino de Galicia é o fallo reprodutivo de orixe infecciosa, o que leva a importantes perdas económicas, ademais de tratarse en moitos casos de zoonoses. Sen embargo, ata o de agora non se realizaron estudos sistemáticos que permitan coñecer a etioloxía dos abortos.
Os principais axentes patóxenos que se describiron como causantes de aborto e mortalidade perinatal son de orixe vírica (virus da enfermidade da fronteira), bacteriana (Coxiella burnetii, Chlamydophila abortus) e protozoaria (Toxoplasma gondii e Neospora caninum). O diagnóstico é difícil debido á escaseza e inespecificidade dos signos clínicos polo que é necesario realizar análises laboratoriais. As técnicas serolóxicas, baseadas na detección de anticorpos, son as máis utilizadas debido a súa doada realización e o seu baixo coste. Sen embargo estas técnicas considéranse un método indirecto da detección da enfermidade e descoñécese a súa especificidade, polo que é necesario confirmar que microorganismo foi a causa do aborto.
Por outra banda, as consecuencias da infección polos distintos axentes abortíxenos nos rabaños poderían estar relacionadas con diferenzas na virulencia das cepas circulantes. Para estudar este aspecto é preciso efectuar unha caracterización xenética dos microorganismos detectados nos fetos de rabaños seropositivos, o que permitirá investigar as posibles asociacións entre os xenotipos existentes e as patoloxías observadas nos rabaños.
Finalmente, neste proxecto preténdese estudar durante dous anos consecutivos a evolución destas enfermidades en explotacións con taxas elevadas de abortos nas que se establecerá un programa de control e se estudará a evolución dos principais parámetros reprodutivos.