Código do proxecto: FEADER 2013/15
Ano de inicio: 2013
Investigador Principal: Marta González Warleta
Outros investigadores: José Antonio Castro Hermida, Mercedes Mezo. EMPRESA SOLICITANTE: Seragro
Departamento:
Área:
A eficiencia reprodutiva é o factor que máis afecta á viabilidade económica das explotacións de gando vacún.
As enfermidades infecciosas son a principal causa das desordes reprodutivas producindo abortos e mortalidade perinatal.
Non obstante, aproximadamente o 50%-60% dos casos permanecen sen diagnosticar.
Diversos microorganismos como virus, bacterias e protozoos inclúense entre os axentes etiolóxicos máis importantes producindo as seguintes enfermidades que serán o obxecto de estudo deste proxecto: diarrea vírica bovina (BVD), rinotraqueite infecciosa bovina (IBR), febre Q, leptospirose, neosporose e toxoplasmose, en Galicia.
A pesar de que as explotación se ven afectadas por taxas de aborto elevadas, ata a data, non se realizaron estudos sistemáticos que permitan coñecer a etioloxía da enfermidade nin a repercusión que teñen sobre a economía das explotacións.
O diagnóstico clínico resulta difícil e debe recorrerse a análise de laboratorio.
A posibilidade de detectar anticorpos e antíxenos fronte a estas patoloxías nas mostras de leite recollidas sistematicamente polas industrias lácteas e laboratorios interprofesionais para controlar a produtividade e calidade do leite evitaría a realización de mostraxes adicionais e reduciría considerablemente os custos.
Ademais, un correcto diagnóstico a nivel individual, baseado na detección do microorganismo nas mostras recollidas dos fetos e das nais, complementaría o diagnóstico serolóxico, alcanzando a máxima sensibilidade e especificidade no diagnóstico definitivo do aborto.
Estas circunstancias lévannos a propoñer este proxecto cuxo obxectivo xeral é proporcionar aos técnicos do sector unhas ferramentas de diagnóstico fiables que permitan racionalizar as pautas de control.
Ademais, localizaranse os animais que están a actuar como fonte de diseminación dos microorganismos e a súa eliminación será fundamental no control das enfermidades.
Por último, avaliarase un programa de control aplicado a unha granxa con taxas elevadas de aborto.