Código do proxecto: FEADER 2016/55B
Ano de inicio: 2016
Investigador Principal: Juan Castro Insua
Outros investigadores: Dolores Báez Bernal, Mª Isabel García Pomar, Juan Valladares Alonso, Javier Ascasibar, David Vázquez.
Departamento:
Área:
O presente proxecto ven definido pola problemática que teñen as explotacións de gando porcino, en xeral en Galicia, derivado da necesidade de xestionar as elevadas cantidades de xurro que producen, neste clima chuvioso, podendo provocar nalgúns casos problemas ambientais derivados da utilización de doses moi elevadas de forma reiterada en terras de cultivo.
Parte desta problemática é debida ao descoñecemento, por parte dos porcinocultores (recría, cebo, etc.), de prácticas axeitadas para o almacenamento e posterior aplicación dos xurros. Para buscar solución a isto, o proxecto está dirixido a mellorar o manexo nas explotacións de gando porcino, buscando poñer en valor agrario estes subprodutos.
O estudo de distintos tipos de explotacións porcinas na zona das Mariñas-Betanzos servirá para o coñecemento en profundidade do problema e para deseñar unha ferramenta de xestión SIX, para aportar aos gandeiros a información de xestión necesaria para o almacenamento e a posterior aplicación dos xurros, nas terras adicadas a tal fin, de forma correcta.
Grazas á ferramenta deseñada os gandeiros poderán xestionar de forma máis eficiente o almacenamento de xurros e coñecerán as condicións de aplicación de xurro óptimas para cada caso, tendo en conta os usos do solo e as condicións metereolóxicas, ao tempo que permitirá monitorizar o proceso por parte das administracións con competencias ambientais (Augas de Galicia, concellos, Consellería de Medio Rural, etc.).
Por outra banda, realizarase unha xestión conxunta en explotacións con terras, establecéndose os contactos necesarios entre explotacións para a súa colaboración, posto que os xurros xerados nas granxas porcinas poden supoñer un abono adecuado para a produción de forraxes nas explotacións de vacún, co conseguinte aforro económico.
Actualmente en Galicia non existe ningunha ferramenta que permita a coordinación e o fluxo de información entre os produtores, as diferentes administracións e a poboación en xeral en materia de xestión-aplicación de xurros. Por isto, o desenvolvemento dos obxectivos deste proxecto son de gran importancia.
OBXECTIVOS DO PROXECTO
O principal obxectivo do proxecto é o deseño dunha ferramenta SIX que lle permita ao gandeiro ou cooperativa, realizar de maneira correcta a aplicación-xestión dos xurros, para minimizar afeccións ao medio e establecendo indicadores para monitorizar posibles impactos.
Esta ferramenta poderá almacenar toda a información relevante: da propia explotación, así como usos dos solos, localización das captacións de auga autorizadas, fontes públicas e mananciais, planeamento urbanístico, parcelas de reparto, aplicación de lodos de depuradora, información climática, etc., e que poida ser compartida polos responsables das administracións competentes, para axudar a informar de forma eficiente e coordinada as autorizacións e demáis controis legais pertinentes que sexan da súa respectiva competencia.
A xestión da información na aplicación permitirá:
- Xestionar este subproduto como fertilizante agrario.
- Reducir o volume de xurros nas explotacións de porcino, desenvolvendo protocolos para unha correcta xestión das augas (bebida, limpeza, choiva, efluentes, etc.).
- A definición de solucións conxuntas de almacenamento eficiente e flexible dos xurros, que permita un aproveitamento óptimo no eido agrario.
- Monitorizar a xestión dos puríns por parte das administracións públicas (Augas de Galicia, Sanidade, Medio Ambiente, Medio Rural, Concellos): permisos, incompatibilidades, etc.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX