Código do proxecto: FEADER 2016/50B
Ano de inicio: 2016
Investigador Principal: Mª José Bande Castro
Outros investigadores: Gonzalo Flores Calvete, Juan Valladares Alonso, Luis Urquijo Zamora. EMPRESA SOLICITANTE: ADR MARIÑAS-BETANZOS, CUSOVIAME SCG, USC (LABORATE), UDC (GRUPO DE ARQUITECTURA DE COMPUTADORES), OS IRMANDIÑOS.
Departamento:
Área:
O proxecto que se presenta pretende contribuír a aumentar a eficiencia e sustentabilidade ambiental e económica das explotacións agrarias e, en paralelo, mellorar a eficiencia enerxética e obter, polo tanto, unha redución nas emisións de CO2 e outros contaminantes. Buscaranse solucións ao problema da mala estruturación da base territorial das explotacións facendo uso das tic. Aplicando métodos informáticos e matemáticos, desenvolverase un algoritmo que permita obter alternativas mellores para a organización espacial das parcelas dos membros de cooperativas agrarias ou para calquera agrupación de agricultores. Dado un conxunto de agricultores cos seus correspondentes conxuntos de parcelas, o algoritmo permitiría unha reasignación do uso das parcelas entre os agricultores de maneira que, mantendo cada agricultor, en esencia, a mesma superficie, e sen modificar a propiedade, as súas parcelas estarían máis próximas entre sí e máis próximas a cada explotación. O mesmo tipo de algoritmo podería aplicarse á organización dos cultivos dentro das cooperativas que teñen produción de varios cultivos. Permitiría agrupar cada cultivo en torno á localización máis eficiente, realizando unha análise da aptitude das parcelas en función das súas propiedades agronómicas.
Dentro do proxecto preténdese desenvolver o algoritmo e aplicalo a dúas zonas piloto, unha por cada cooperativa participante, avaliando os resultados cos agricultores e aplicando os seus comentarios e impresións para o desenvolvemento e mellora do algoritmo.
Preténdese que ao remate do proxecto se conte cunha interface de usuario para que os socios participantes no proxecto poidan aplicar o algoritmo a outros casos reais.
A problemática comentada é algo que se dá en toda Galicia (e tamén noutras zonas agrícolas con características semellantes). Os resultados do proxecto serán un primeiro paso a outros proxectos máis ambiciosos, que poñan dispoñible o algoritmo a través dunha aplicación en internet a calquera conxunto de usuarios interesados en aplicalo.
OBXECTIVOS DO PROXECTO
Os obxectivos globais do proxecto xa foron adiantados nas seccións previas da memoria. Os obxectivos concretos son os seguintes:
Mellorar a base territorial das explotacións, facilitar a produción de forraxes nas mesmas e mellorar a súa competitividade.
Desenvolver un algoritmo informático que permita a reorganización e agrupación das parcelas dun conxunto de explotacións agrarias tendo en conta a información e preferencias facilitadas polos propios gandeiros.
Aplicar e retroalimentar o algoritmo mediante probas sobre un caso piloto real.
Permitir aos socios do proxecto facer uso da ferramenta desenvolvida a través dun aplicativo web para reorganizar outros grupos de parcelas das súas zonas.
Dar a coñecer os resultados do proxecto dentro do medio rural e nos ámbitos científicos.
Sentar as bases para o desenvolvemento dunha ferramenta global que permita facer dispoñible a través de internet o algoritmo do proxecto a calquera grupo de agricultores interesados en mellorar a súa base territorial.
Definir prácticas de manexo de terras, e asesorar e propoñer modelos para a mellora da xestión das explotacións gandeiras, reducindo os custos de alimentación do gando, promovendo sistemas produtivos ligados á terra, mellorando ademais a xestión dos recursos e a eficiencia enerxética, cun efecto directo na redución de emisións.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX