Código do proxecto: FEADER 2015/41
Ano de inicio: 2015
Investigador Principal: Gonzalo Flores Calvete
Outros investigadores: EMPRESA SOLICITANTE: LIGAL (Laboratorio Interprofesional Galego de Análises do Leite)
Departamento:
Área:
PROXECTO FEADER 2015/4
O LEITE DE PASTOS DE GALICIA COMO NOVO PRODUTO PREMIUM : CARACTERÍSTICAS E VERIFICACIÓN DA SUA PROCEDENCIA ALIMENTARIA CONTEXTO DA REALIZACIÓN DO ESTUDO
A investigación sobre métodos de autentificación da dieta no leite de ruminantes realízase dentro dun contexto xeral de aumento de interese por parte dos consumidores acerca do modelo de produción.
Neste contexto, cómpre contar con ferramentas de autentificación para garantir a procedencia do produto de acordo coas especificacións indicadas na etiquetaxe. Aínda que a marcaxe de calidade ligado á forma de alimentar os animais non se aplica ao leite de vaca e derivados, sen dúbida constitúe unha oportunidade de diferenciar os produtos procedentes de sistemas extensivos, baseados no pasto, por gozar dunha percepción favorable para os consumidores.
Recentes avances en métodos analíticos de compostos marcadores ou métodos espectrométricos aplicados a mostras de leite permitiron discriminar entre dietas diferentes impostas en condicións experimentais controladas. A extensión destes métodos a mostras de dietas máis complexas, obtidas en granxas comerciais, ten polo xeral menos suceso e necesita máis investigación.
Os resultados mostran que nestas circunstancias é preferible recorrer a métodos que integran a detección de diferentes compostos. Os métodos de referencia utilizados (cromatografía de gases ) só se poden usar na práctica nun reducido número de mostras.
Dado que, en xeral, o custo das determinacións é elevado en tempo, reactivos e recursos humanos, os métodos espectrais son de particular interese polo seu carácter non destrutivo, rápido, libre de reactivos e de baixo custo de operación, pero a súa utilidade depende da fiabilidade dos resultados de discriminación.
En todo caso, o desenvolvemento de métodos de autentificación da dieta require dun coidadoso proceso de validación de resultados dada a elevada variabilidade atopada na práctica, relativa non só á complexidade da composición das dietas senón á variabilidade entre animais e á posible existencia de interaccións entre as condicións de alimentación e as características dos produtos animais.
OBXECTIVOS DO PROXECTO
O obxectivo do presente proxecto é explorar a posibilidade de verificar a alimentación con pastos frescos en granxas leiteiras ecolóxicas e convencionais de Galicia a partir da composición en ácidos graxos do leite.
Este sería un paso previo que permitiría estudar a posta no mercado dun novo produto chamado "leite de pastos" como elemento diferenciador dunha parte substancial do leite producido en Galicia, o cal permitiría mellorar as rendas dos produtores e gañar competitividade por parte do conxunto do sector. Como obxectivos operativos do proxecto se plantean os seguintes:
- Caracterizar a calidade nutricional do leite producido en sistemas de pastoreo de pradeiras en explotacións leiteiras galegas.
- Comparar dita calidade coa de mostras de leites producidas con outros réximes alimenticios máis intensivos.
- Desenvolver unha metodoloxía non destrutiva, rápida e económica, baseada no rexistro óptico das mostras de leite, para asignar correctamente a orixe alimentaria (pastoreo vs. outros sistemas) de mostras de leite de tanque procedente de explotacións, como elemento auxiliar dun futuro sistema de control e verificación de procedencia.
CONCLUSIÓNS
- O tipo de dieta influencia significativamente a composición do leite de tanque, modificando a proporción de sólidos, o punto de conxelación e o perfil de ácidos graxos do leite.
- As dietas suplementadas con liño e con alto concentrado mostran valores de graxa moi inferiores ao normal, un incremento no contido de lactosa e unha importante redución no punto de conxelación do leite.
- As dietas que inclúen aceite de liño e as dietas onde predomina o pasto fresco melloran o perfil de ácidos graxos do leite desde o punto de vista da saúde humana.
- Desde esta perspectiva, as dietas onde a forraxe predominante é a herba fresca ou conservada presentan os ratios máis favorábeis da relación omega-6/omega-3 e entre os isómeros trans11 e trans10 do ácido oleico, comparadas coas dietas onde predomina a ensilaxe de millo, suplementadas ou non co liño.
- O perfil de AG das mostras do leite permiten discriminar, cun 83.7% de acertos, a presenza de pastos na dieta, e cun 88.6% de acertos a sua ausencia.
- Sen embargo a composición de AG do leite non permite diferenciar satisfactoriamente entre dietas típicas complexas ou entre diferente porcentaxes de pastos frescos na ración, polo que se deben estudar outras moléculas marcadoras complementarias.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX