Código do proxecto: RTA2006-00007-00-00
Ano de inicio: 2006
Investigador Principal: José Antonio Castro Hermida
Outros investigadores: Jose Antonio Castro Hermida, Mercedes Mezo, Marta González Warleta, Javier Cortizo Mella
Departamento:
Área:
RESUMO DO PROXECTO:
A enorme cantidade de ooquistes/quistes eliminados polas persoas e animais enfermos, a escasa capacidade de sedimentación das formas parasitarias en pantanos e depósitos, as prácticas de regadío dos pastos con xurros das explotacións gandeiras e a resistencia ás condicións ambientais das formas infectantes, fan que Cryptosporidium spp. e Giardia spp. sexan máis ubicuos cada día; é polo tanto imprescindible investigar as fontes cuantitativas primarias destes parasitos no ambiente.
Deste xeito, poderianse deseñar plans estratéxicos para o control das dúas infeccións en poboacións de risco, co fin de reducir os factores que conducen á introdución, transmisión e extensión destas zoonoses parasitarias. Neste senso, a Unión Europea elaborou a directiva 98/83/CE do Consello do 3 de novembro de 1998 relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano (DOCE do 5 de decembro de 1998), pola que se obriga aos Estados membros a asegurar que as augas para o consumo humano sexan «salubres e limpas» e que non conteñan «ningún tipo de microorganismo, parasito ou substancia» que poida pór en perigo a saúde humana.
Para o manexo e uso eficiente da auga de bebida nas zonas gandeiras, é preciso caracterizar axeitadamente os riscos e chegar a un equilibrio aceptábel, evitando así a contaminación por parasitos a través do medio hídrico.
Son moi escasos os traballos sobre a epidemioloxía molecular destas parasitosis na gandaría en Galiza e non se coñecen os xenotipos circulantes destes parasitos nas explotacións galegas; ademais, a carencia de estudos sobre a presenza e xenotipado das formas infectantes en augas superficiais e na auga de bebida fai conveniente, por unha banda, coñecer a difusión de ambas parasitosis en rumiantes e identificar os xenotipos nas explotacións gandeiras e, por outra, determinar a contaminación por estes parasitos en augas desta zona xeográfica.
Así, poderase detectar e avaliar o impacto da actividade gandeira na salubridade das augas respecto a Cryptosporidium spp. e Giardia spp.
OBXECTIVOS:
- Determinar os principais mecanismos de difusión da cryptosporidiose e da xiardiose tanto na gandaría bovina como ovina no noso medio, así como os factores relacionados coa epidemioloxía destas enfermidades parasitarias, que facilitarán o establecemento de posíbeis medidas de control.
- Identificar os xenotipos circulantes, o que permitirá explicar mellor as rutas de transmisión destas parasitosis nas explotacións gandeiras.
- Detectar a presenza das formas infectantes na auga de bebida das granxas.
- Estudar a viabilidade/infectividade dos ooquistes/quistes presentes nos xurros empregados para abonar os pastos.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX