fondo
Logo Conseller�a
Logo Ingacal
CIAM
Instalaciones CIAM
actividades > Charlas científicas
Se chove unha ou dúas semanas antes da floración pode recuperarse o millo

Data: 13/07/2015

Entrevista da revista dixital Campo galego a Jesús Moreno González, investigador especializado no cultivo de millo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Estima as perdas pola seca entre un 15 e un 50% da colleita.

“Se chove unha ou dúas semanas antes da floración pode recuperarse o millo”

Jesús Moreno-González

Jesús Moreno-González é investigador especializado no cultivo do millo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Informa que a seca que padecen este ano os agricultores galegos é un fenómeno cíclico que se produce cada dez anos, aínda que nesta ocasión adiantouse un ano. A curto prazo, para salvar a colleita de millo recomenda eliminar malas herbas e reducir a densidade de plantas. A longo prazo recomenda adiantar a sementeira e a profundidade da mesma e estudar a viabilidade de implantar sistemas de rega.

Os gandeiros quéixanse de que este ano pode ser desastroso para a colleita de millo se segue a seca. ¿Recordaba unha situación parecida?
Eu levo traballando no cultivo do millo en Galicia desde fai 45 anos e con respecto ao mes de xuño, o deste ano foi un dos mais secos que eu coñecín.

A media de precipitación de choiva de xuño nos últimos anos en 15 estacións climatolóxicas da provincia de A Coruña onde se sementa o millo é normalmente de 65 L / m2, mentres que este ano nesas mesmas estacións foi de 8 L / m2 (aproximadamente un 12 % da media).

A isto hai que engadir que a choiva caída no mes de maio foi tamén inferior á normal. Ademais, as temperaturas de xuño foron superiores ás medias, polo que o problema se agrava, xa que a planta de millo está sometida a unha maior evapotranspiración. A combinación de altas temperaturas e déficit de auga provoca que a planta sufra mais e chegue antes ao punto de déficit de auga.

“En Galicia os períodos de seca cadran cada 10 anos”

O mes de xuño deste ano aseméllase ao que aconteceu outros anos anteriores como en 1976, 1989, 1996, 2004 e 2006 nos que a choiva foi menos do 50% do normal e a temperatura foi mais de 2º C sobre a normal.
Os períodos de seca cadran case cada 10 anos, aínda que en 2015 cadrou nove anos despois do último. Non obstante neses anos de seca, a colleita de millo non fracasou de forma xeral, aínda que as reducións do rendemento do millo foron importantes.

¿Que capacidade ten o millo de resistencia á seca?
A planta de millo é mais resistentes que outros cultivos á seca debido fundamentalmente a dúas razóns. Por unha banda, trátase dunha planta que desde o punto de vista da fisioloxía vexetal pertence ao grupo de plantas C4, como o sorgo e a cana de azucre, que son de orixe subtropical.

As plantas C4 aproveitan mais eficientemente a auga para producir materia seca que as plantas C3, que son practicamente a maioría dos cultivos das zonas temperadas.

Cando fai calor e escasea a auga as plantas tratan de pechar os estomas (poros) para evitar a transpiración e aforrar auga. Nestas condicións as plantas C3 reducen a fotosíntese, xa que o intercambio de CO2 co exterior é moi pequeno. Pola contra, as plantas C4, aínda cos estomas pechados, teñen unha ruta bioquímica alternativa de realizar a fotosíntese, mediante o uso do CO2 que se produce na fotorrespiración.

Por outra banda, a planta de millo pode afondar as súas raíces en condicións de seca e explorar zonas do solo mais profundas onde poida encontrar auga. Non obstante, todo ten un limite e se a seca persiste o cultivo de millo sufrirá moito.

Calcúlase que a altura da planta está na metade nalgunhas comarcas do que sería o normal para esta época ¿Pódese recuperar a planta se chove en cantidade? ¿Que consecuencias terá este atraso para a colleita?
Se chove durante unha ou dúas semanas antes da floración, que é o momento no que a planta acaba de expandir todas as súas follas, a planta pode recuperarse parcialmente, aínda que nunca chegará a recuperarse plenamente.

 “Se chove unha ou dúas semanas antes da floración pode recuperarse parcialmente o cultivo”

Non é fácil adiviñar as consecuencias do atraso en términos cuantitativos. Depende da cantidade de choiva e o estado fenolóxico no que a planta reciba a choiva, cuanto mais cantidade de auga e antes mellor. As reducións agora poden estimarse dende o 15% ata o 50 %. Nalgúns campos sementados en chans pouco profundos as reducións poden ser aínda maiores, sobre todo tendo en conta como se está comportando xullo ata agora, con mais calor e mais seco que noutros anos.

¿Cal sería o período máis crítico para no que o millo necesitaría si ou si que chova para poder desarrollarse?
O estado crítico no que a planta ten mais necesidade de auga abarca dende dúas semanas antes da floración ata dúas semanas despois. Coincide xeralmente co período de mais calor e a maior demanda de auga para realizar a fotosíntese e para a acumulación de materia seca

A profundidade de sementeira é crucial para resistir períodos de seca ¿Cal sería a recomendable para un ano seco coma este?
A profundidade de sementeira do gran no chan é importante sobre todo en condicións nas que o solo non estea en “tempero”, é dicir que non estea o suficientemente húmido na superficie. A semente ten que estar rodeada da humidade que lle proporciona o chan para xerminar.

“Se hai humidade a sementeira farase a 4-6 centímetros, senón a entre 8 e 10”

En xeral o chan mantén suficiente humidade para permitir a xerminación do gran durante catro a sete días despois das choivas de primavera. Nestas condicións a profundidade da sementeira poderá ser de 4 a 6 centímetros.
Se falta humidade na superficie deberá afondarse ata atopar suficiente humidade, e sementar a unha profundidade de 8 a 10 centímetros, evitando que se forme costra na superficie para que a xerminación sexa correcta.

¿Considera que se está a acertar coas variedades que se plantan en Galicia? ¿Deberíase ir a variedades de ciclos máis curtos e resistentes á seca, dependendo das zonas?
Eu creo que os ciclos das variedades de millo que se sementan na actualidade nas distintas zonas de Galicia son os correctos. Estatisticamente os períodos de seca extrema, como o que aconteceu este ano, se producen cada 10 anos, aínda que agora parece que se acurtan a nove ou menos anos.

“En caso de seca, a curto prazo habería que reducir a densidade plantas por hectárea”

En caso de seca, a mellor estratexia ao curto prazo sería reducir a densidade de sementeira de plantas por hectárea en 15 a 20 %. A estratexia global a longo prazo das casas de sementes e dos centros públicos de investigación será conseguir e proporcionar variedades mais tolerantes á seca utilizando técnicas de mellora xenética de plantas, aspecto no que se está traballando na actualidade, xa que a seca é un problema non só de Galicia, sino do cambio climático que afecta á agricultura global.

Finca de millo

Leira de millo

Nalgúns casos cultívase o millo en ladeiras que, en anos húmidos dan colleita pero que nun verán coma este supoñen unha perda de diñeiro ¿Cales son as condicións de solo (profundidade..etc) recomendables para o cultivo do millo?
Os solos para sementar millo deben ser profundos, de 60-80 centímetros, para almacenar auga durante o inverno e devolvelo ao cultivo no verán, independentemente de se eles están en terreiro plano ou en ladeiras. É mais doado encontrar solos profundos en sitios planos. Os solos tamén deben ser francos (con proporciones equilibradas de area, limo e arxila) e ter un contido en materia orgánica superior a 3 ou 4 %, cousa que cumpren a maioría dos solos de cultivo de Galicia, aínda que isto prexudica a acción dos herbicidas, debido a que as moléculas con efectos herbicidas son neutralizadas polos radicais libres dos complexos coloidais que se forman coa materia orgánica do solo.

Estase a falar da instalación de sistemas de rega para o millo ¿Veo factible en Galicia? ¿Cal sería o sistema de rega máis recomendable e menos custoso?
Sería moi importante que se puidese regar o millo nas zonas onde non se rega como son nas grandes superficie de millo das provincias da Coruña e Lugo, e nalgunhas zonas de Pontevedra. Os poucos experimentos que existen din que a axuda con dous ou tres regos de apoio cun total aplicado entre 500 e 1000 metros cúbicos/ hectárea, cando mais o necesita o millo, elevan os rendementos 20 – 25 % en anos normais e moito mais en anos secos ou en zonas nas que o déficit de auga é limitante para o cultivo de millo .

“Con dous ou tres regas de apoio o rendemento medio do millo aumenta un 25%”

Os sistemas de rega con canalizacións de goteiros non requiriría grandes inversións, sempre que o aprovisionamento de auga estea asegurada. Neste sentido será necesario construír pequenos lagos ou estanques que poden encherse con auga de choiva e con capacidade de almacenamento de 500 a 800 m3 por hectárea. Unha piscina olímpica almacena aproximadamente 2000 m3 de auga. Habería que facer números para saber se os custos de construción dos pequenos lagos e estanques e os custos de manexo do auga compensan os incrementos de produción.

¿Que consellos lles daría ao gandeiro para afrontar a seca no millo deste ano?
O millo xa plantado ten poucas formas de ser remediado. As recomendacións se centran: (1) en tratar de eliminar calquera mala herba que haxa no cultivo para evitar a súa competición co millo, (2) en zonas que haxa moita densidade de plantas reducir un 15 a 20 % o número de plantas; (3) estender palla (“mulching”) entre as liñas de millo para reducir a evaporación de auga do solo; (4) axudar se isto é posible con algo de auga de pozos ou traída en cisternas.

E para o futuro, se un ano se prevé bastante seco ¿que lle aconsellaría para optimizar o cultivo do millo?
Ademais das recomendacións anteriores é importante sementar o mais cedo posible. Isto axudará a aproveitar mellor o auga do solo e a choiva da primavera. Ademais, a floración do millo será mais cedo, escapando dos períodos mais secos cando a planta ten mais necesidade de auga. As horas de luz son tamén maiores canto mais cedo se semente. Tamén se controlarán mellor as malas herbas que xermolan cando a temperatura sube e se evitará a aparición de algunhas pragas que son favorecidas polas temperaturas altas.

Se deberán estudar ben as malas herbas que sexan prevalentes na parcela para unha boa elección dos herbicidas e a súa forma de aplicación. Isto é importante para unha acción eficaz dos herbicidas. 

NOVIDADES DO CIAM

foto
27/04/2018
Iniciativas de investigación colaborativa para a produción de leite e carne de vacún en Galicia
foto
28/02/2018
Xornada: A produción de carne de vacún. Unha oportunidade para emprender na biosfera
foto
24/01/2018
Efecto da rega sobre o rendemento de cultivos forraxeiros de verán na Galicia interior
foto
28/12/2017
Convocatoria do proceso selectivo para a contratación por obra ou servizo de duración determinada de tres postos de persoal titulado superior universitario
foto
01/12/2017
A paisaxe agraria galega e a biodiversidade. Natureza-Agricultura-Gandería
foto
24/11/2017
Sistemas de transferencia de coñecemento no vacún de leite

 

fondo

EMPRESA

PROXECTOS

ACTIVIDADES

PUBLICACIÓNS

APLICACIÓNS RAX

SOCIAL

Copyright 2013 - CIAM - Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo - Todos os dereitos reservados